sábado, 5 de noviembre de 2016

O Partido Popular de Coristanco solicita un pleno extraordinario para baixar impostos




Pleno solicitado polo Partido Popular para aprobar unha baixada de impostos.


O grupo municipal do Partido Popular de Coristanco ven de solicitar a celebración dun pleno extraordinario para adoptar acordos sobre o Imposto de Bens Inmobles(I.B.I.) ante a falta de iniciativa e o clima de confusión creado polo alcalde Amancio Lavandeira.


Desde o Partido Popular propoñemos que se realice unha bonificación do 90% na cota íntegra dos bens inmobles urbanos vinculados a actividades de uso agrícola e gandeiro e a redución do tipo de gravame do imposto ó 0,45% aos bens de natureza urbana e ó 0,70% aos bens de natureza rústica.


Desde o Partido Popular consideramos que se trata dunha iniciativa beneficiosa para os coristanqueses e amplía a proposta inicial que foi rexeitada en pleno polo goberno local. Agora chegou o momento de que o sr. alcalde Amancio Lavandeira se deixe de demagoxias e discursos baleiros e diga se apoia esta baixada de impostos ou pola contra vai a continuar gobernando en dirección contraria ás demandas do pobo.


Tamén é unha boa ocasión para ver se o BNG e o PSOE votan a favor desta medida ou prefiren actuar de soportes dun alcalde que manda a golpe de capricho. Agardamos que Terra Galega, BNG e PSOE respalden a proposta do Partido Popular, porque senón terían que dar moitas explicacións aos veciños sobre o seu rexeitamento a unha demanda social que existe neste municipio.


Lembramos que esta é a terceira vez porque o goberno xa rexeitou unha moción parecida do PP, e tamén se posicionou en contra noutro pleno extraodinario solicitado polo noso grupo.


Lamentamos que teña que ser o PP o que teña que tomar a iniciativa pola inoperancia do goberno, pero actuamos con responsabilidade e estaremos moi satisfeitos se a nosa proposta se aproba.

No hay comentarios:

Publicar un comentario